O recentemente
aprobado PXOM de Foz marca unha serie de zonas
dotacionais e verdes que deberían ser preservadas, a pesar das licenzas
en vigor, en aras dun urbanismo sustentable e para que se respecte o acordado no
plan xeral. A caducidade de licenzas é un instrumento propio dos concellos, que
entra dentro da normalidade administrativa e esta avalado por diversas
sentenzas do TS. Un destes espazos ou equipamentos aparece no solar enfronte da
casa da cultura, cunha licenza en vigor propiedade da Sareb.
O grupo socialista espera o
acordo unánime da corporación a esta iniciativa xa que o contrario suporía dar
por perdido este solar e resignarse a que, nun futuro, se levante un edificio
de cinco plantas, perdendo unha oportunidade única de preservar este espazo
para o desfrute dos veciños e veciñas de Foz. Deixar a licencia sen caducar só serve para que a Sareb ou banco malo
especule no momento da venta do mesmo.
As
últimas reformas levadas a cabo na avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro fixeron
que, dunha forma ou doutra, todos os grupos da corporación tomasen conciencia
da necesidade de preservar devandito solar, que pode constituír unha bolsa
importante de aparcadoiros que dea servizo ás rúas sinaladas, ademais da
posibilidade de desenvolver alí outros equipamentos e achegar un novo lugar de
esparexemento para a veciñanza focense.
Neste sentido, por exemplo, asistimos
a propostas dalgún grupo da oposición para buscar financiamento para a compra
dos devanditos terreos. Con todo temos unha licenza en vigor que, a día de hoxe, permitiría a
construción en toda a superficie do solar, en todo o seu perímetro e con cinco
alturas, conforme ás normas subsidiarias polas que foi concedida. É preciso,
como primeiro paso para buscar solucións para a adquisición do solar, proceder
á caducidade da licenza. Unha licenza concedida fai máis de dez anos para unha
obra iniciada e paralizada, a nome dunha empresa que xa non existe, unha
licenza que permitía a construción de tres plantas de sótanos e coa que se fixeron cinco, por tanto
claramente ilegal e unha
licenza que choca completamente coa normativa urbanística actual do
recentemente aprobado PXOM que, só permite construír ao fondo do solar e dar
catro alturas.
Danse,
por tanto, as condicións adecuadas para a caducidade desta licenza, e sería lamentable
que cando a maioría dos veciños de Foz están a favor do uso deste solar, desde
a corporación, non se utilizasen todas as ferramentas dispoñibles para buscar
unha solución satisfactoria aos intereses de todos.
Como
exemplo podemos destacar que, recentemente, o concello de Cervo declarou a
caducidade da licenza urbanística do esqueleto situado no campo da Atalaia e
iniciou os trámites administrativos para lograr que a parcela recupere o seu
estado orixinal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario