Unha gran
oportunidade para que o núcleo urbano evolucione, de forma ordenada e
planificada, para que Foz sexa máis atractivo e cómodo para os visitantes e
para os veciños de todo o Concello – así cualifica Fran Cajoto, candidato
socialista á alcaldía de Foz, a nova avenida que os socialistas veñen a
presentar, dentro do seu programa Foz ten
futuro. Proxectos e ideas que merecemos
A primeira
actuación que vamos facer en canto cheguemos á alcaldía é unha campaña intensa
de pequenos arranxos e limpeza xeral das rúas do núcleo urbano e do rural:
cunetas, beirarrúas, zoas verdes, alumeado público, etc. para recuperar do seu
abandono e falta de mantemento os servizos e vías públicas. Pero non podemos
limitarnos a iso, hai moitos proxectos que o Concello de Foz necesita e nos que
non se avanzou nada en oito anos.
Un dos Proxectos e
ideas máis importantes que os socialistas levaremos no noso programa electoral é a
Nova Avenida Foz Centro, que prevé conectar a estrada N-642 co barrio de Marzán
e, a través da Rúa do Cemiterio -que
precisa unha reforma integral-, co centro de Foz. Unha infraestrutura
fundamental para a que reclamaremos o apoio e
financiamento do Ministerio de Fomento e da Deputación de Lugo, xa que a nova vía
enlazará coa estrada N-642 (Ministerio) e LU-P-2009 (Deputación).
Foz necesita un
novo acceso desde a variante. Coa nosa proposta Foz tería un terceiro e un
cuarto acceso, evitando problemas de tráfico e facendo o núcleo moito máis
atractivo para o comercio local, dentro do Plan de Mobilidade que vamos
impulsar.
Agora mesmo as
principais avenidas de Foz son unha Álvaro Cunqueiro mal deseñada e a Rúa do
Pilar, o que resulta inconcibible para o partido socialista. Ademais de
reverter a situación e devolver á Avenida da Mariña e a Álvaro Cunqueiro os sentidos
de circulación previos ás obras, hai que actuar en moitos puntos do núcleo para
que Foz sexa cómodo para todos, automobilistas e peóns.
A Nova Avenida Foz
Centro presenta moitas vantaxes, ente as que destacamos os seguintes
puntos:
1.- Nova rotonda
sobre a N-642 na Veiga da Sara.
Esta nova rotonda
enlazará a N-642 (variante) co Bispo Santo e co Barrio de Marzán a través da
estrada da Deputación LU-P2009 beneficiando non só ao núcleo e ao barrio de
Marzán, senón tamén a gran número de veciños de Vilaronte e San Martiño.
A configuración proposta desta nova rotonda
permitirá que a ponte actual sobre a variante sexa de uso peonil e para bicicletas,
constituíndo o inicio dunha senda entre o núcleo urbano e a área recreativa do
Bispo Santo, que será posta en valor.
Esta nova rotonda
constitúe o inicio dunha avenida de 600 metros de lonxitude que prevé unir,
pola zona do Castro e do Pico do Castro, a variante coa Rúa do Cemiterio, que
precisa dun arranxo completo e beirarrúas en toda a súa lonxitude.
Indicar que a
disposición desta nova rotonda é unha obra de execución sinxela, dado que o
túnel existente sobre o ferrocarril evita facer grandes e custosas obras de
enxeñería.
2.- Nova Avenida
Foz Centro.
A nova avenida de
acceso a Foz, de 600 metros de lonxitude, prevé unir pola zona do Castro e do
Pico do Castro, a variante coa Rúa do Cemiterio. A disposición desta rúa
permitirá, en fases futuras, ser tamén un punto de acceso ao instituto e a
outras zonas de Foz. As prioridades dun Concello non permiten facer grandes
inversións en moitos momentos, polo que é moi importante poder configurar as
obras por fases.
3.- Nova glorieta
no Pico do Castro
A disposición dunha
glorieta no Pico do Castro permite que se distribúa o tráfico cara a Marzán e
cara a Álvaro Cunqueiro, a través dunha Rúa do Cemiterio que debe ser renovada.
Prevese a disposición de xardíns e dun estacionamento urbanizado que dará servizo
ao cemiterio e ao mirador natural que constitúe o Castro de Marzán.
Unha nova avenida
funcional, útil, que servirá de acceso a Foz por un terreo sen grandes
pendentes e que constitúe o mirador máis bonito que hai na vila, o Pico do
Castro. Cunha inversión planificada no tempo, co apoio das Administracións e
pensando no que é bo para os veciños, Foz pode mellorar, e moito – conclúen os
socialistas
Podes ver o plano da proposta, con mais
definición, neste enlace:👇🏻 https://drive.google.com/file/d/1eq3pAmYRc7lpraLnBai0eNpCWa-7daOP/view?usp=sharing
No hay comentarios:
Publicar un comentario