O PSOE de Foz
continúa as reunións con distintas asociacións do Concello, neste caso
compartimos as preocupacións e as deficiencias que nos trasladaron os veciños
da parroquia de Cordido.
Os veciños de Cordido sofren un
retraso moi grave nas súas comunicacións. O sinal de televisión e a cobertura de móbil son moi deficientes.
Practicamente só poden contratar con unha compañía, e teñen que optar por
opcións moito máis caras para as súas casas, como o acceso por satélite. Nos
tempos de hoxe, non se pode permitir este agravio comparativo co resto do
Concello. Estes problemas continuos víronse agravados estes días por un fallo
nas antenas.
Os membros da asociación tamén nos
trasladaron outras preocupacións, como a calificación de terreos para a construción
de vivendas ou algunhas deficiencias no inventario de bens municipais.
Unha vez rematada a reunión,
puidemos comprobar "in situ" o recente aglomerado dun vial no Barrio do Sixto. Varios
veciños trasladáronnos o seu enfado polos pasos salvacunetas que se construíron
neste camiño para o acceso ás fincas, obras que xestiona o Concello de Foz. Colocáronse uns tubos de diámetro claramente insuficiente, de 9 ou 11 cm de
diámetro, polo que a cuneta vai rebosar na primeira choiva. Ademais, os pasos
quedaron moi baixos, polo que hai un escalón no acceso aos terreos e resulta
imposible acceder con un tractor ás fincas.
Esperemos que
se arranxen estes defectos o máis rapidamente posible. É unha mágoa que o
diñeiro de outras administracións, que permite que o Concello manteña unha
mínima capacidade inversora, non se controle e se xestione de forma adecuada.
A Deputación está financiando, a
través do Plan Único que concede ao Concello de Foz, 174.315 euros para a
mellora de camiños en Vilaronte, Cangas (Ribela), Foz (Barrio Escanlar),
Fazouro, Cordido ou o aglomerado no camiño da igrexa de San Acisclo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario