Denunciamos o mal estado e o perigo da baixada á cala de San Pedro na parroquia de Cangas.
Xa transcorreu un ano dende que, na sesión plenaria de xuño de 2017, o
grupo municipal socialista demandase, mediante unha moción que saíu
aprobada co voto unánime de toda a corporación, instar á Administración
competente a que se procedese á inmediata reparación da baixada á cala
de San Pedro na parroquia de Cangas.
A principios de abril deste ano, recíbese resposta
do Ministerio de Medio Ambiente informando que, a competencia para
realizar as obras de conservación é do Concello e que, en tanto non se
proceda a reparación, deberá de tomar as medidas precisas para garantir a
seguridade das persoas, asumindo no seu caso a responsabilidade da
falta de adopción de medidas adecuadas.
O PSOE volveu insistir, na sesión plenaria de finais de abril, na
necesidade de actuar en dita baixada para solucionar un problema, moito
máis grave do que parece, pois presenta un risco importante para a
seguridade física dos veciños, veciñas e visitantes e máis agora que se
aproxima a tempada estival.
Tras visitar novamente o lugar e á
vista de que, o alcalde de Foz e seu equipo de goberno, non dispuxeron
ningunha medida de seguridade no aceso á devandita cala, o PSOE vese
obrigado a denunciar publicamente, o estado e o perigo que supón para
calquera, utilizar unha baixada onde atopamos: unha escaleira con risco
de desplome inminente, gretas estruturais en toda a sección en varios
puntos quedando o mallazo exposto ás condicións ambientais, moi adversas
polo ambiente mariño. Un talude con desprendementos de rocha e graves
liñas de fractura que indican que vai a sufrir novos esvaramentos
aumentando o risco de colapso e desplome total da escaleira. Estamos
diante dunha baixada completamente insegura, moi perigosa e totalmente
irrecuperable polo que é necesaria a demolición e a construción de novo
acceso e, mentres e non, a clara sinalización do risco que supón baixar a
esa cala.
No hay comentarios:
Publicar un comentario