martes, 26 de febrero de 2019

O PSOE de Foz pedirá que se caduque a licencia do solar enfronte á casa da cultura, en mans da Sareb


O recentemente aprobado PXOM de Foz marca unha serie de zonas  dotacionais e verdes que deberían ser preservadas, a pesar das licenzas en vigor, en aras dun urbanismo sustentable e para que se respecte o acordado no plan xeral. A caducidade de licenzas é un instrumento propio dos concellos, que entra dentro da normalidade administrativa e esta avalado por diversas sentenzas do TS. Un destes espazos ou equipamentos aparece no solar enfronte da casa da cultura, cunha licenza en vigor propiedade da Sareb.

                 
O grupo socialista espera o acordo unánime da corporación a esta iniciativa xa que o contrario suporía dar por perdido este solar e resignarse a que, nun futuro, se levante un edificio de cinco plantas, perdendo unha oportunidade única de preservar este espazo para o desfrute dos veciños e veciñas de Foz. Deixar a licencia sen caducar só serve para que a Sareb ou banco malo especule no momento da venta do mesmo.      

                
As últimas reformas levadas a cabo na avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro fixeron que, dunha forma ou doutra, todos os grupos da corporación tomasen conciencia da necesidade de preservar devandito solar, que pode constituír unha bolsa importante de aparcadoiros que dea servizo ás rúas sinaladas, ademais da posibilidade de desenvolver alí outros equipamentos e achegar un novo lugar de esparexemento para a  veciñanza focense.

                 
Neste sentido, por exemplo, asistimos a propostas dalgún grupo da oposición para buscar financiamento para a compra dos devanditos terreos. Con todo temos unha licenza en vigor que, a día de hoxe, permitiría a construción en toda a superficie do solar, en todo o seu perímetro e con cinco alturas, conforme ás normas subsidiarias polas que foi concedida. É preciso, como primeiro paso para buscar solucións para a adquisición do solar, proceder á caducidade da licenza. Unha licenza concedida fai máis de dez anos para unha obra iniciada e paralizada, a nome dunha empresa que xa non existe, unha licenza que permitía a construción de tres plantas de  sótanos e coa que se fixeron cinco, por tanto claramente ilegal e unha licenza que choca completamente coa normativa urbanística actual do recentemente aprobado PXOM que, só permite construír ao fondo do solar e dar catro alturas.

                 
Danse, por tanto, as condicións adecuadas para a caducidade desta licenza, e sería lamentable que cando a maioría dos veciños de Foz están a favor do uso deste solar, desde a corporación, non se utilizasen todas as ferramentas dispoñibles para buscar unha solución satisfactoria aos intereses de todos.

                 
Como exemplo podemos destacar que, recentemente, o concello de Cervo declarou a caducidade da licenza urbanística do esqueleto situado no campo da Atalaia e iniciou os trámites administrativos para lograr que a parcela recupere o seu estado orixinal.

jueves, 21 de febrero de 2019

O PSdeG-PSOE defenderá no pleno deste mes unha medida para dar solución á falta de efectivos no corpo da Policía Local de Foz


A entrada en vigor, o pasado 2 de xaneiro, do Decreto que posibilita a xubilación anticipada dos efectivos da Policía Local, supón para o corpo de policía focense a perda de dous axentes, un xubilado recentemente e outro que o fará o vindeiro mes de agosto. Polo que quedan soamente seis axentes en activo e outro en comisión de servizos, número a todas luces insuficiente para un concello de mais de 10.000 habitantes como é Foz.

                 
O alcalde de Foz como xefe da policía local ten o deber de coñecer ó persoal, as súas necesidades e a posibilidade de que algún efectivo puidésese acoller á xubilación anticipada,  non podendo alegar descoñecemento dunha medida acordada polo executivo de Rajoy e do  Sr Montoro. O que demostra unha absoluta neglixencia, pois este ano verase minguado considerablemente o número de efectivos da Policía, coa consecuente carga de traballo para os que queden.  Esta falta de previsión do Alcalde Castiñeira e do seu equipo de goberno, complicará a correcta prestación dos servizos por parte dunha policía local sobrecargada de traballo  o que redundará en prexuízo dos veciños e veciñas de Foz, agravándose coa proximidade do verán e o aumento de poboación que experimenta o concello de Foz coa chegada masiva de visitantes e turistas.

                 
Para evitar problemas de seguridade cidadá debido a este considerable aumento nas cifras de visitantes e ao crecemento da tempada estival, os socialistas consideramos que tamén é necesario contar con auxiliares de policía que complementen as labores dos axentes, algo que o PSOE de Foz xa solicitou en pleno o pasado ano, sen resultados.

                 
A lexislación actual establece a taxa adicional de reposición da policía local, que será efectiva desde a presentación da solicitude de xubilación anticipada, o que se traduce en que as administracións locais poden adiantar as prazas que se vaian a publicar nas ofertas de emprego para evitar que o corpo de Policía Local quede baixo mínimos.  

                 
Polo que, o grupo socialista, pedirá neste pleno a convocatoria urxente dunha oferta de emprego público para cubrir as baixas producidas ao amparo do decreto e, así mesmo, solicitará o acordo da corporación, para a delegación na Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das competencias relativas á desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso ás diferentes categorías do corpo de policía local e prazas de auxiliares de policía local para cubrir as prazas necesarias nun futuro próximo.

                 
Hoxe en día, dos 129 municipios con policía local, 66 acolléronse a esta delegación de competencias.  O Decreto 115/2017 do 17 de novembro posibilitaba esta medida e os diferentes concellos foron informados mediante unha instrución desta posibilidade. O feito de que o  Concello de Foz, a día de hoxe, non se acollese demostra a desidia unha vez mais do equipo de goberno. Tendo que ser o PSOE de Foz o que, de novo, tente buscar unha situación, a falta de efectivos da policía local, que se antolla difícil, pois aínda que se convocasen en próximas datas os procesos selectivos, os axentes non entrarían a prestar os seus servizos ata finais do ano 2020 ou entrados xa no 2021.

jueves, 14 de febrero de 2019

O PSdeG-PSOE de Foz presenta a súa proposta para a nova avenida Foz Centro


Unha gran oportunidade para que o núcleo urbano evolucione, de forma ordenada e planificada, para que Foz sexa máis atractivo e cómodo para os visitantes e para os veciños de todo o Concello – así cualifica Fran Cajoto, candidato socialista á alcaldía de Foz, a nova avenida que os socialistas veñen a presentar, dentro do seu programa Foz ten futuro. Proxectos e ideas que merecemos


A primeira actuación que vamos facer en canto cheguemos á alcaldía é unha campaña intensa de pequenos arranxos e limpeza xeral das rúas do núcleo urbano e do rural: cunetas, beirarrúas, zoas verdes, alumeado público, etc. para recuperar do seu abandono e falta de mantemento os servizos e vías públicas. Pero non podemos limitarnos a iso, hai moitos proxectos que o Concello de Foz necesita e nos que non se avanzou nada en oito anos.


Un dos Proxectos e ideas máis importantes que os socialistas levaremos no noso programa electoral é a Nova Avenida Foz Centro, que prevé conectar a estrada N-642 co barrio de Marzán e,  a través da Rúa do Cemiterio -que precisa unha reforma integral-, co centro de Foz. Unha infraestrutura fundamental para a que reclamaremos o apoio e financiamento do Ministerio de Fomento e da Deputación de Lugo, xa que a nova vía enlazará coa estrada N-642 (Ministerio) e LU-P-2009 (Deputación).


Foz necesita un novo acceso desde a variante. Coa nosa proposta Foz tería un terceiro e un cuarto acceso, evitando problemas de tráfico e facendo o núcleo moito máis atractivo para o comercio local, dentro do Plan de Mobilidade que vamos impulsar. 


Agora mesmo as principais avenidas de Foz son unha Álvaro Cunqueiro mal deseñada e a Rúa do Pilar, o que resulta inconcibible para o partido socialista. Ademais de reverter a situación e devolver á Avenida da Mariña e a Álvaro Cunqueiro os sentidos de circulación previos ás obras, hai que actuar en moitos puntos do núcleo para que Foz sexa cómodo para todos, automobilistas e peóns.


A Nova Avenida Foz Centro presenta moitas vantaxes, ente as que destacamos os seguintes puntos:


1.- Nova rotonda sobre a N-642 na Veiga da Sara.

Esta nova rotonda enlazará a N-642 (variante) co Bispo Santo e co Barrio de Marzán a través da estrada da Deputación LU-P2009 beneficiando non só ao núcleo e ao barrio de Marzán, senón tamén a gran número de veciños de Vilaronte e San Martiño.


A configuración proposta desta nova rotonda permitirá que a ponte actual sobre a variante sexa de uso peonil e para bicicletas, constituíndo o inicio dunha senda entre o núcleo urbano e a área recreativa do Bispo Santo, que será posta en valor.



Esta nova rotonda constitúe o inicio dunha avenida de 600 metros de lonxitude que prevé unir, pola zona do Castro e do Pico do Castro, a variante coa Rúa do Cemiterio, que precisa dun arranxo completo e beirarrúas en toda a súa lonxitude.


Indicar que a disposición desta nova rotonda é unha obra de execución sinxela, dado que o túnel existente sobre o ferrocarril evita facer grandes e custosas obras de enxeñería. 


2.- Nova Avenida Foz Centro.


A nova avenida de acceso a Foz, de 600 metros de lonxitude, prevé unir pola zona do Castro e do Pico do Castro, a variante coa Rúa do Cemiterio. A disposición desta rúa permitirá, en fases futuras, ser tamén un punto de acceso ao instituto e a outras zonas de Foz. As prioridades dun Concello non permiten facer grandes inversións en moitos momentos, polo que é moi importante poder configurar as obras por fases.


3.- Nova glorieta no Pico do Castro


A disposición dunha glorieta no Pico do Castro permite que se distribúa o tráfico cara a Marzán e cara a Álvaro Cunqueiro, a través dunha Rúa do Cemiterio que debe ser renovada. Prevese a disposición de xardíns e dun estacionamento urbanizado que dará servizo ao cemiterio e ao mirador natural que constitúe o Castro de Marzán.


Unha nova avenida funcional, útil, que servirá de acceso a Foz por un terreo sen grandes pendentes e que constitúe o mirador máis bonito que hai na vila, o Pico do Castro. Cunha inversión planificada no tempo, co apoio das Administracións e pensando no que é bo para os veciños, Foz pode mellorar, e moito – conclúen os socialistas


Podes ver o plano da proposta, con mais definición, neste enlace:👇🏻 https://drive.google.com/file/d/1eq3pAmYRc7lpraLnBai0eNpCWa-7daOP/view?usp=sharing