martes, 30 de octubre de 2018

O PSdeG-PSOE de Foz ante a falta de control do gasto por parte do Alcalde e o seu equipo de goberno, promoverá a realización dunha auditoría.

Un par meses despois de terse aprobados definitivamente os orzamentos do 2018 o alcalde de Foz levou a pleno un suplemento de crédito de mais 415.000 euros.
                
O PSOE de Foz, xa no seu momento, cualificou o orzamento de 2018  de inverosímil, incoherente, e falso, e vaticinou que traería consigo mais de un millón de euros en facturas fora de contabilidade. O tempo deunos a razón.
               
Resulta incomprensible que nun orzamento non se contemplen partidas para gastos e servizos que se sabe con certeza que se van a prestar, como a dependencia, limpeza de centros escolares, ou as anualidades do 2017 e 2018 da aportación ao consorcio pola escola infantil.
Non vale xustificar o gasto sen control e o despilfarro dicindo que os de 2018 son uns orzamentos de mínimos como pretende o Alcalde Castiñeira, non, o que son é uns orzamentos que están hipotecados ao igual que o concello por incumprir sistematicamente a Lei de estabilidade orzamentaria por mor do seu pésimo xeito de gobernar.
                 
Informe de intervención alertando do incumprimento
Xa se viu obrigado a incluír unha partida de non dispoñibilidade de 600.000 euros para 2018 e 2019 e de elaborar un plan económico financeiro. Con este novo suplemento veríase na obriga de elaborar outro, pois estase diante dun novo incumprimento da regra de gasto. É dicir, por un lado, a Xunta e Facenda,  limítanlle e márcanlle o que pode gastar e por outro, o alcalde, continúa facendo o que lle da a gana e gastando de xeito descontrolado.   
                 

Esquece, o Sr Castiñeira, que non se trata de un suplemento de crédito para uns orzamentos prorrogados, senón para o de un orzamento en vigor e recien aprobado, mesmo ten o descaro de recoñecer con total impunidade, en pleno, que varias das partidas que incluíu e presentou para dito orzamento en xuño que xa estaban esgotadas tres meses antes.
                
A mala xestión do alcalde Castiñeira ao facer un orzamento que non contempla o gasto comprometido, é evidente e tradúcese, como sinalan sucesivos os informes dos técnicos municipais, en que a maior parte das obras non son obxecto de contratación, ou sexa que se dan a dedo a empresas “amigas”, execútanse sen proxectos, sen informes dos técnicos, fraccionándose os contratos. Abúsase das contratacións externas para traballos que se poderían levar a cabo con  traballadores municipais, contrátase persoal a través de empresas o que favorece o clientelismo.
  
O PSOE comprobou que como gasto en festas superou en mais de 160.000 euros ó orzado, como non se cumpre a prelación de pagos ou sexa que, o Alcalde, arbitrariamente paga a quen el quere por encima de outros, como non se cumpre o acordado en pleno en temas de produtividade do persoal ou como, unha vez mais, Gestagua sigue sen ingresar o que debe ao concello pola taxa do lixo.
O PSOE tamén comprobou que, como moitas das facturas non  describen o concepto, non é posible saber os traballos realizados, nin as horas ou días de traballo, nin as unidades de obra ou prezo unitario, o que demostra a despreocupación do equipo de goberno polo control dos cartos de todos os veciños despois de unha subida de impostos de mais do 50%
                 
Un descontrol absoluto que, o PSOE de Foz, non pode blanquear con un voto a favor nin unha abstención, a un suplemento de crédito, que volverá a facer saltar polos aires a estabilidade orzamentaria e seguirá mantendo en quebra técnica ao Concello de Foz coas partidas de non dispoñibilidade.
                
O PSOE promovera facer unha auditoría de contas que permita, logo de catro anos de informes negativos de intervención, coñecer o estado real das finanzas municipais e controlar o gasto. 

viernes, 26 de octubre de 2018

O PSdeG-PSOE de Foz demanda o arranxo do muro de contención existente na estrada LU-151 Fazouro - San Acisclo.



O grupo municipal socialista defendeu unha moción, que resultou aprobada no pleno deste xoves, para solicitar á Xunta de Galicia como titular da estrada LU-151, o arranxo do muro de contención que hai preto da canteira de caolín de San Andrés que presenta graves grietas estruturais e considerable risco de desplome.  
        
Esta estrada, serve de conexión entre os concellos de Foz, O Valadouro e Alfoz, é unha vía fundamental e moi utilizada nos seus desprazamentos, polos os veciños das parroquias de San Acisclo, Santa Cilla e Fazouro.
            
O estado que presenta na actualidade dito muro, sumado ás balsas de auga que se acumulan en temporada de choivas na zona, supoñen un autentico perigo para os usuarios da vía. Polo que, co fin de evitar riscos na seguridade das persoas que transitan o lugar e as graves consecuencias que podería acarrear un hipotético colapso da estrutura, o PSOE considera que, a Xunta de Galicia, debe acometer con urxencia a reparación do mesmo.

Esta proposta únese á xa presentada polos socialistas, fai varios meses, instando á reparación do firme de dita estrada, xa que é a que presenta mais deterioro e abandono por parte da Xunta de Galicia das tres da súa titularidade que pasan polo concello de Foz.

.


           

martes, 23 de octubre de 2018

O PSdeG-PSOE de Foz elixirá o vindeiro sábado ao seu candidato á alcaldía para as próximas eleccións municipais de maio.



A Agrupación Socialista de Foz ten aberto o proceso para elixir quen irá como cabeza de lista da formación nas vindeiras eleccións municipais. Tense establecido, dende o pasado día 17,  un prazo de presentación de pre-candidaturas que permitirá que calquera militante poida optar a presentarse como pre-candidato.
            
 A elección terá lugar o sábado 27, ás oito da tarde, nunha asemblea onde a militancia, terá a palabra e decidirá, a través do seu voto, quen será a persoa que liderará el proxecto político do PSOE  para o Concello e conseguir, nas vindeiras eleccións de maio, o inescusable cambio que necesita Foz.
            
Foz convertese, con este proceso democrático e garantista, no primeiro pobo da comarca da Mariña onde, o PSdeG-PSOE, designará ao candidato para os vindeiros comicios municipais.

A executiva local anima á militancia socialista de Foz, a implicarse, ser parte activa e votar, no proceso de elección do candidato á alcaldía. 

“Os socialistas damos exemplo de participación e democracia interna, moi por diante de outros partidos políticos, con un proceso do que - aseguran dende a executiva local-  sairá elixido quen, en maio do 2019, recibirá a confianza maioritaria da cidadanía para que de novo haxa un Alcalde ou Alcaldesa do PSOE ao fronte do Concello de Foz”