A depuración de augas residuais é un dos servizos básicos fundamentais que
os concellos teñen que garantir a tódolos veciños e veciñas. A actual EDAR de
Foz, situada na explanada do porto, non ten capacidade suficiente para a
depuración das augas fecais do núcleo e presenta outros problemas como
continuos malos olores.
Augas de Galicia vén de presentar o novo Anteproxecto para esta
infraestrutura. O PSOE de Foz quere destacar o enorme retraso que leva o
Proxecto e a falta de rigorosidade. Hai que lembrar que o anterior documento
foi rexeitado en novembro do 2016 por unha declaración de impacto ambiental
NEGATIVA. Non entendemos como foron necesarios dous anos e medio para a súa
corrección, como todos os anos se consignan presupostos para despois non mover
nin unha pedra.
Os socialistas definimos o novo anteproxecto como DECEPCIONANTE. Estase a
perder unha oportunidade única para resolver os problemas da rede de saneamento
de Foz. Vamos a continuar cos problemas de sempre e vanse xerar outros novos, o
que resulta inadmisible. Dende o PSOE destacamos a falta de rigor no
Anteproxecto nos seguintes puntos:
1) REDE DE
SANEAMENTO DE FOZ
O Anteproxecto non contempla actuar sobre a rede de saneamento en Foz, que
é unitaria, polo que as augas fecais continuarán estando mesturadas coa auga de
choiva. Isto resulta moi chamativo nestes momentos, xa que se pretende bombear
gran parte da auga que chove en Foz ata Froxán, co gran custo que isto vai
supoñer para os veciños do Concello. Van continuar os problemas habituais en
episodios de tormentas en zonas como Rego de Foz.
2) TANQUE DE TORMENTAS E BOMBEO DO PEIRAO DE FOZ
As augas fecais continuarán discorrendo ata este depósito que se proxecta
no peirao de Foz, a carón da actual depuradora. O proxecto estima que ata 9
veces ao ano en episodios de choivas as augas fecais verterán directamente á
Ría de Foz, zona LIC e ZEPA, sen ser bombeadas nin depuradas, o que resulta
inadmisible. Non se marca no Anteproxecto o aliviadoiro á Ría, polo que
dubidamos de que a tramitación sexa correcta, tal e como aconteceu no ano 2016.
Non se contemplan medidas para evitar o ruído e os cheiros destas
instalacións, o que constitúe un dos principais problemas na actualidade, polo
que esta problemática podería verse incluso incrementada.
A tubaxe de impulsión discorre por varias rúas do casco histórico de Foz e
non se marca posición e cota das conducións e dos servizos que existen
actualmente: esta indefinición e falta de estudo podería provocar que o
proxecto fose inviable na súa execución.
![]() |
Prevense alivios de sen tratar na Ría de Foz, zona LIC e ZEPA
|
3) BOMBEOS DA PRAIA DE LLAS Os bombeos de augas situados fronte á praia de LLas son modificados para
mellorar a súa capacidade. Sen embargo, o Anteproxecto contempla que ata en 10
episodios de choivas ao ano no caso de Llas 1 e en 8 episodios de choivas no
caso de Llas 2, as augas fecais vertan directamente á praia de Llas sen ningún
tipo de depuración. Aos socialistas de Foz preocúpanos moito a saúde ambiental
desta praia e a perda que podería supoñer de distintivos de calidade como a
bandeira azul, ao que vén renunciando o actual equipo de goberno e que non
ondeou no verán do 2018.
4) NOVA DEPURADORA DE FROXÁN
O Anteproxecto non ten en conta os cheiros da nova EDAR, ata o punto de que
non considera o impacto que terá o gas metano e confunde as fases de
construción coas de explotación. Desde o PSOE de Foz consideramos que debería
contarse coa posibilidade de dispoñer dunha planta de desodorización con
tratamentos biolóxicos e carbón activo, e non só un secador de fangos.
Ademais, nunha zona de vivendas como é Froxán non se ten en contacto o
impacto do ruídos das instalacións, para o que establecen medidas de escaso
calado e para o que sería convinte a insonorización da planta. Tampouco se ten
en conta o impacto que terá o tránsito de camións polos camiños actuais, que
deberían ser ampliados e mellorados, nin a problemática da presenza de fontes e
augas freáticas moi superficiais nas fincas onde se proxecta a nova depuradora.
5) EMISARIO DE PEIZÁS
O documento contempla o vertido das augas depuradas a carón da praia de
Peizás, cruzando a tubaxe a zona de estacionamento. O Anteproxecto deseña un
emisario mariño para que a carga contaminante se verta dunha forma máis
dispersa ante o posible fallo da depuradora. O PSOE de Foz considera que este é
un punto moi sensible, xa que a praia de Peizás é unha das máis singulares do
Concello e habitual bandeira azul, distinción que podería perder
definitivamente ante a nova instalación e empeorarse a calidade das augas de
baño. Hai que ter en conta ademais que neste tipo de emisarios son habituais as
roturas por temporais mariños, polo que teriamos un vertido directo a escasos
metros da praia.
Desde o PSOE consideramos que se está desaproveitando a oportunidade de que
Foz conte cunha depuración de augas fecais moderna e eficaz Descoñecemos si o actual alcalde vai
presentar alegacións ou se vai mirar para outro lado ao tratarse dun proxecto
da Xunta, pero debemos esixir que a inversión sexa realmente positiva e que
calquera instalación que se faga arranxe problemas e non xere outros novos.
Si queres consultar o documento íntegro do anteproxecto que esta a
exposición pública preme no seguinte enlace: 👇🏻
No hay comentarios:
Publicar un comentario