viernes, 25 de enero de 2019

O PSdeG-PSOE de Foz prognostica o colapso da Policía Local do Concello.


O PSOE de Foz está moi preocupado coa merma na calidade dos servizos públicos que se están a prestar por parte do Concello de Foz, en tódolos ámbitos.
            
É alarmante a falta de medios e de material cos que conta a Policía Local do Concello, sen garaxes para estacionar os vehículos e sen o equipamento adecuado para facer a súa labor. Hai que destacar que a Policía Local é, pola súa proximidade, o primeiro corpo que chega a multitude de accidentes e incidencias. Non é só un corpo de seguridade cidadá, senón que teñen asignadas multitude de tarefas, é de xustiza recoñecelo.
             
Estamos a ver unha falta de efectivos nas rúas. Ao feito de que un dos membros do corpo estea en comisión de servizos noutra localidade, súmase agora a recente xubilación dun dos policías acollido ao Real Decreto 1449/2018, reducíndose o número de axentes a sete.
             
Non é posible prestar un servizo completo, 24 horas, 7 días á semana, con tan escaso persoal.O único que sabemos é que hai unha falta total de previsión e unha despreocupación alarmante, este pasado verán non se reforzou a plantilla como viña sendo habitual, nun momento en que Foz triplica a poboación- denuncia o candidato socialista Fran Cajoto
             
Non podemos esperar a xuño para pensar que Foz necesita socorristas e un reforzo da Policía Local, este traballo debe facerse xa, de inmediato. Debemos esixir planificación no Concello, unha xestión adecuada, o timonel vai sen rumbo e o barco vai encallar.
             
No novo escenario que se vai abrir despois das eleccións poderemos facer as cousas doutra maneira, planificando as necesidades e adecuando a plantilla da Policía Local ao traballo que hai que facer – indica Fran Cajoto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario