martes, 28 de agosto de 2018

O PSdeG-PSOE de Foz denuncia que os veciñ@s seguen sen poder acceder aos garaxes das súas casas nos tramos rematados, xa fai 50 días, da Avenida Álvaro Cunqueiro


O PSOE denuncia que se impide o paso aos veciños e veciñas en tramos da Rúa Álvaro Cunqueiro que xa está rematada. Os primeiros tramos da rúa Álvaro Cunqueiro hormigonáronse o 6 e 7 de xullo, hai máis de 50 días.
            
O “Pliego de Prescripciones Técnicas Generales para obras de carreteras y puentes” (PG-3) determina no seu artigo 550.8.4 “Apertura a la circulación” o tempo de fraguado do formigón antes de abrir ao tráfico. A norma permite o paso de vehículos aos 7 días de vertido sempre que se dean as condicións necesarias, e establece que o firme acada a súa resistencia máxima aos 28 días. Cincuenta días fronte a sete, e o acceso sen abrir aos veciños.
             
Non sabemos que é o que está a pasar. Non se entregaron ao pleno, como requiriu o Secretario do Concello, os resultados dos ensaios de calidade do formigón e non sabemos por que motivo. É inaudito que en tramos rematados non se permita o acceso aos garaxes, négase o dereito dos veciños e veciñas a entrar nas súas casas. Hai rúas, como a de Xoán Montes, desde a que se podería acceder a eses garaxes sen ningún problema.
           
O PSOE de Foz foi o primeiro partido en denunciar o bloqueo no acceso aos garaxes durante a execución das obras de Álvaro Cunqueiro. O dereito de acceso a vehículos de residentes está recollido expresamente no Proxecto Construtivo, dereito que se lles negou aos veciños sen ningún motivo, cando obras e garaxes son perfectamente compatibles.
            
O PSOE requiriu, así mesmo, o Plan de Seguridade da obra en diversas ocasións. Este documento, que o alcalde estaba obrigado a presentar ante o pleno na primeira sesión tralo comezo das obras, nunca foi aportado. É un documento fundamental, xa que determina as medidas que a Contrata debe adoptar para garantir a seguridade de traballadores e viandantes.
            
É inaudita e inadmisible esta forma de actuar. Día tras día a oposición ve como se pisotea a legalidade, como o alcalde actúa despóticamente en contra dos intereses de tódolos veciños e veciñas sen ningunha consecuencia. O que está pasando en Foz non pasou en ningún outro lugar de Galicia nin de España.

No hay comentarios:

Publicar un comentario