martes, 28 de agosto de 2018

O PSdeG-PSOE de Foz denuncia que os veciñ@s seguen sen poder acceder aos garaxes das súas casas nos tramos rematados, xa fai 50 días, da Avenida Álvaro Cunqueiro


O PSOE denuncia que se impide o paso aos veciños e veciñas en tramos da Rúa Álvaro Cunqueiro que xa está rematada. Os primeiros tramos da rúa Álvaro Cunqueiro hormigonáronse o 6 e 7 de xullo, hai máis de 50 días.
            
O “Pliego de Prescripciones Técnicas Generales para obras de carreteras y puentes” (PG-3) determina no seu artigo 550.8.4 “Apertura a la circulación” o tempo de fraguado do formigón antes de abrir ao tráfico. A norma permite o paso de vehículos aos 7 días de vertido sempre que se dean as condicións necesarias, e establece que o firme acada a súa resistencia máxima aos 28 días. Cincuenta días fronte a sete, e o acceso sen abrir aos veciños.
             
Non sabemos que é o que está a pasar. Non se entregaron ao pleno, como requiriu o Secretario do Concello, os resultados dos ensaios de calidade do formigón e non sabemos por que motivo. É inaudito que en tramos rematados non se permita o acceso aos garaxes, négase o dereito dos veciños e veciñas a entrar nas súas casas. Hai rúas, como a de Xoán Montes, desde a que se podería acceder a eses garaxes sen ningún problema.
           
O PSOE de Foz foi o primeiro partido en denunciar o bloqueo no acceso aos garaxes durante a execución das obras de Álvaro Cunqueiro. O dereito de acceso a vehículos de residentes está recollido expresamente no Proxecto Construtivo, dereito que se lles negou aos veciños sen ningún motivo, cando obras e garaxes son perfectamente compatibles.
            
O PSOE requiriu, así mesmo, o Plan de Seguridade da obra en diversas ocasións. Este documento, que o alcalde estaba obrigado a presentar ante o pleno na primeira sesión tralo comezo das obras, nunca foi aportado. É un documento fundamental, xa que determina as medidas que a Contrata debe adoptar para garantir a seguridade de traballadores e viandantes.
            
É inaudita e inadmisible esta forma de actuar. Día tras día a oposición ve como se pisotea a legalidade, como o alcalde actúa despóticamente en contra dos intereses de tódolos veciños e veciñas sen ningunha consecuencia. O que está pasando en Foz non pasou en ningún outro lugar de Galicia nin de España.

martes, 7 de agosto de 2018

VESPA ASIÁTICA, UNHA AUTÉNTICA PRAGA, ESIXIMOS Á XUNTA A DECLARACIÓN DE OFICIAL DE PRAGA


O PSOE de Foz conseguiu o acordo da Corporación para instar á Xunta de Galicia a que declare praga á vespa velutina.  
                  
Dentro da iniciativa do PSOE a nivel provincial, de presentar mocións en todos os concellos, para declarar praga á vespa velutina o concello de Foz o primeiro onde se aproba, dita moción a instancias do grupo socialista.  
                 
Co voto a favor dos concelleiros do PSOE, FPF E BNG e a abstención do PP, o último pleno da corporación acordou instar á Xunta a declarar oficialmente como praga a imparable invasión que esta a sufrir dende hai varios anos,  tanto no concello de Foz como na comarca da Mariña, os primeiros en sufrir a invasión desta especie de vespa, que se esta estendendo por todo o territorio galego. 

Lamentamos a maneira errática de actuar do PP neste tema, votando en contra da declaración de praga na Deputación de Lugo, absténdose no concello de Foz e desentendéndose das súas responsabilidades na Xunta de Galicia. 
                 
A expansión desta especie que comezou ameazando a biodiversidade con ataques ás abellas e vespas autóctonas e provocando importantes perdas económicas aos apicultores na produción de mel e aos agricultores nas árbores froiteiras e as colleitas, o que xa era grave de por si, estase a converter nun problema de saúde serio para a veciñanza. -Até o de agora, que unha vespa atacara a unha persoa non era común, pero como estamos a ver día a día, cada vez se dan máis casos de ataques a persoas-.
                 
A proliferación de niños en lugares inesperados, debaixo dos tellados dos alpendres, en paredes de establecementos comerciais e vivendas, nas esquinas das fincas, en ribadas e incluso con parte do niño baixo terra, xunto coa agresividade dos ataques e o maior veleno da picaduras desta especie, supón un risco moi serio para a saúde das persoas tanto dos núcleos urbanos como de os rurais.
                 
Si a isto xuntamos á pasividade coa que a Xunta se toma a loita e erradicación desta especie podemos dicir que nos atopamos diante dun grave problema que require solucións drásticas por parte da administración competente, coordinando e ofrecendo medios especializados para combater esta especie.
                
 Á vista está que os convenios asinados pola Xunta cos concellos, como no caso de Foz, son claramente insuficientes, non basta coa dotar de un traxe e unha pértiga e descargar a responsabilidade da retirada dos niños sobre os voluntarios de Protección civil, que non cobran nada por efectuar esta importante labor e  teñen facela no seu tempo libre. 
                
Da mesma maneira que de pouco serve que un concello loite dentro do seu termo municipal, faga intensas labores de trampeo e retirada, si outros do redor non o fan.
                 
Os socialistas queremos que se declare PRAGA para que os estudos e a dotación económica e os recursos materiais e humanos sexan maiores e sobre todo ben enfocados para a prevención e erradicación desta especie invasora.
                 
A Xunta e o PP non poden seguir mirando cara a outro lado, deixando en mans dos apicultores, agricultores e os recursos moi limitados dos concellos, as medidas de prevención e trampeo e a erradicación de niños.